Monday 29 de April de 2024

A Reserva de Biosfera impulsará un estudo do estado dos paneis interpretativos e as infraestruturas turísticas do seu territorio


• O obxectivo fundamental será realizar unha proposta sólida, sostible e con datos de campo para coñecer debidamente o contexto.

• O prazo de execución para a realización de todas as accións contempladas acabará o 30 de setembro de 2023.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas impulsará un estudo do estado dos paneis interpretativos e as infraestruturas turísticas do seu territorio, para formular unha proposta sólida, sostible e con datos de campo e coñecer debidamente o contexto no que se atopan.
Como nova entidade xestora do Destino Turístico nas Mariñas Coruñesas, nos seus 17 municipios, e como entidade certificada en Calidade Turística polo Ministerio e pertencente ao Club de Ecoturismo de España, búscase explorar diferentes alternativas sostibles para mellorar a conservación e sinalización da infraestrutura turística do territorio.

O prazo de execución para a realización de todas as accións contempladas acabará o 30 de setembro de 2023. Nalgúns casos atópanse deteriorados ou con contidos obsoletos, sendo necesario o seu inventariado e estudo de conservación, para propoñer actuacións específicas inmediatas, a medio e a longo prazo para a súa conservación e mantemento.

En todo caso, os equipamentos de uso público deben estar tematizados na liña coa estratexia de Ecoturismo do destino en concreto, nun estado de conservación adecuado que permita visibilizar os recursos turísticos no seu territorio.

Para o inventario dos paneis, deben incluírse a denominación, localización, fotografías, referencia xeográfica, observacións, características, estado de conservación e valoración.
Indicarase, tamén, o número de paneis informativos revisados e propostas das melloras realizadas, o inventario da infraestrutura turística do territorio, estudo de futuras intervencións para mellorar a calidade, as fichas co custo clasificado para a mellora e reutilización de cada elemento turístico e a actualización do visor en liña. Está previsto que se realice unha primeira acción sobre o territorio antes do 1 de decembro de 2023.

Desde a entidade recalcan que “se tratará dunha serie de intervencións cun fin concreto; os paneis interpretativos e a infraestrutura turística é a nosa carta de presentación de fronte ao visitante, pero tamén á xente que vive no noso territorio, e temos que impulsar accións para a súa conservación, preservación e correcto estado”.